sexta-feira, 6 de abril de 2007
Iniciación

Iamos de campamento a un lugar que semellaba sacado da obra de Shakespeare "Soño dunha noite de verán". Nalgún recuncho dese bosque estabamos a dar aulas, non sabía ben de que, porque non cheguei a asistir a ningunha delas. Era coma se estivesemos no instituto, latabamos as clases (anque eu non lembro ter feito tal máis que unha ou dúas veces) pero agora, vendo a algunha xente que asistía as aulas parecíame a mellor opción: estaban algunhas compañeiras de carreira coas que tamén fora ao instituto e que conformaban o grupo de "chaponas" coas que non quería ter moito que ver.

Logo das aulas xuntáronnos a todos os alumnos nun círculo no medio do bosque onde aínda se vían os toros das árbores cortadas. A mestra que nos daba clases, unha muller algo maior de pelo moreno longo e con mechóns de canas polo medio, distribuiunos en grupos para facer unha actividade que os que non foramos a clase non sabiamos en que consistía. A min tocoume ir co meu mozo e retiráronnos ao cuarto do pabellón onde durmiamos. Alí díxonos que agardaramos que nos había traer a máis xente para conformar o grupo que se estaban distribuíndo todos moi mal. Ao pouco tempo apareceu un rapaz de 30 e algo anos, con barba e pelo loiro, e levounos de novo ao lugar onde estaban os demais facendo o traballo que nos encomendanban: unha especie de representación dun fragmento dunha obra onde cada grupo a representaría ao seu xeito co aprendido durantes as clases.

Púxenme toda nerviosa porque estaba vendo que a xente que se estaba unindo ao noso grupo viña sendo a mesma que faltara as clases, co cal non tiñamos idea do que debiamos facer e, cando voltamos de novo ao cuarto, decidimos que interpretariamos o texto como mellor nos parecese e que non nos iamos comer a cabeza, que malo sería que non nos saíse ben improvisando no momento. En vez de ensaiar puxémonos a falar mentres agardabamos polo rapaz de barba loira. E o rapaz chegou e, encima da mesa que había no cuarto, púxose a facer raias cunha sustancia alucinóxena que semellaba pó de cristal. Eran tres para cada un. Non entendía moi ben de que ía aquelo pero parecía que o tema da interpretación pasaba a un segundo plano e o que viñamos a facer alí era a iniciarnos nalgo grande. Esnifei as miñas tres raias e outro pouco máis dun recipiente que había alí ao lado, como fixeran todos, agardando que aquela sustancia fixese efecto en min pero eu non notaba nada. Quería notarme no ceo, en paz, feliz, levitando, lúcida, cos sentidos agudizados e non percibía cambio ningún.

Foi entón que o rapaz loiro nos levou a unha especie de congreso ou convención e nos deixou na entrada onde andaban repartindo camisolas do evento. Eu saín do recinto e fun cara un bloque de apartamentos do lado onde estaban moitas do grupo das "chaponas" arreglándose e dándose presa para saír cara o congreso con medo a chegar tarde. Metinme no baño do cuarto ao tempo que elas marchaban e mireime ao espello. Seguía igual, non estaba drogada, so me sentía ben e algo triste, igual ca sempre e eu agardaba sentirme no séptimo ceo e non era así. Notaba no nariz cristaliños daquela sustancia e inspirei forte a ver se era a dose que me facía falla para rematar colocada. De súpeto abriuse a porta do baño e era o rapaz de barba loira, estaba alterado: andaba buscándome a ver onde me metera, alporizouse pensando que estaba esnifando pola miña conta máis daquela droga e díxome que o estaba a decepcionar por iso, que a min non me facía falla e marchou...

Fun atrás del porque xa se convertera para min no meu guía, non quería que pensase que me estaba drogando, non quería decepcionalo porque sabía que agardaba boas cousas de min e que a miña presencia alí era importante, quería atopalo porque sentía xa un vínculo que nos unía aos dous. Ao saír á rúa vin a moita xente paseando en grupos, por parellas, todos relaxados e tranquilos. Pero o rapaz non aparecía, non sabía onde estaba nin a onde fora, pero dábame a impresión de que xa desaparecera da miña vida nun momento no que lle era necesaria e no que a min me facía falla.

Nese momento espertei cun sentemento de gratitude cara ese rapaz loiro que me tiña en estima.
 
postado por besbe ás 21:26 | Permalink |


3 Comentarios


  • falou o 7 de abril de 2007 às 03:49, Anonymous Anónimo

    eu no malas pécoras conhecim um rapaz loiro com barbas.... seria o mesmo?

    o certo é que ainda que nom tem lógica.... tem muita lógica e penso que demonstra que o sonho é um processo mental no que a mente assimila os conhecimentos adquiridos mentras estamos espertos.... ou nom?

     
  • falou o 7 de abril de 2007 às 12:12, Blogger besbe

    agora que o dis, pode ser que si e todo, que non caera eu no detalle...acabo de darlle un significado.

    do rapaz loiro con barbas do malas pécoras acabo de caer agora ahahahaha ao final estades todos nos meus soños!!!

     
  • falou o 9 de abril de 2007 às 11:43, Blogger Elianinha

    drojas, malas pécoras, louros melenudos... menudos soños!