quarta-feira, 25 de abril de 2007
O soño da vaca madrileña que se namorou de min.
Non lembro o comezo nin o final do soño e é que ao mellon non o ten. Só lembro o feito de atoparme en Madrid e ser perseguida por unha vaca. E sí, foi un pesadelo porque a vaca seguíame cada vez máis de preto e vai tí saber o que querería, eu só sei que daba a volta e aí estaba a vaca a relamberse e a babexar ollándome cuns enormes ollos de vaca. Primeiro non me asustei moito porque me figurei que sería doado deixar atrás a unha besta tan voluminosa. Subín nun valado alto, longo e estreito pensando que á vaca lle sería imposible coas súas dimensións e coas súas catro patas camiñar por ese lugar, pero non, aí comezaba a tortura, a vaca atrás de mín e eu abraiada perante a súa pericia mantendo o equilibrio da súa enormidade. Sen dúbida era unha vaca con formación circense. Deixei de volverme cara atrás e dei en apurar o paso o máis que podía, aínda que o medo e a miña torpeza facíanme tremer de terror perante a posibilidade de precipitarme nese baleiro que se abrí aos dous lados da sebe. A sensación de mareo e vertixe ía in crescendo ao ritmo da ledicia da miña perseguidora que aí se mantiña segura do seu trunfo final, cos seus ollos grandes e alegres e a súa lingua camaleónicae fumegante, ameazando cunha brutal lamida. O muro rematou por fin e tiven que buscar outra solución. Procuraba non mirar atrás e metínme polas ruelas máis escuras e estreitas que ía atopando no camiño. É curioso porque malia non coñecer de Madrid máis que a Castellana e o Paseo do Retiro, no meu soño as rúas formaban parte do meu mundo e ata semellaban ser o barrio da miña infancia. A práctica do despiste urbano por estas rúas non deu resultado e a vaca cada vez máis gorda seguía babexando a escasos metros de min. Por fin cheguei á zona vella da cidade, esas rúas sí que eran estreitas, alí non podería pasar, corrín ata chegar ata á rúa e camiño tan estreita que non inverno non te permitía abrir o paraugas e mesmo había que poñerse de perfil se te atopabas con alguén de frente. Na metade da rúa collín folgos para mirar atrás e nun intre a vaca asomou pola rúa e meteuse pola calella sen dificultade. Outra vez a correr para aproveitar un pouco a vantaxe. Tiña que darme tempo a meterme nun portal desas casas tan vellas antes de que a vaca saíse do calexón. Metínme no portal e subín unhas destartaladas escaleiras que amezaban virse abaixo cada vez que puña o pe. A barandilla movíase cada vez que me agarraba para avanzar máis rápido. No primeiro descanso asomei e non vin nada, diminuín o paso e seguín ata o segundo, alí volvín asomar e alí estaba a vaca, subindo as escaleiras toda decidida, agora sí que tremía toda a estructura apodrecida da madeira. Ameazaba con derrubarse todo o edificio pero eu tiña que seguir fuxindo. Aínda sen querer mirar vía á vaca avanzar por aquela precaria e envolvente estructura. As escaleiras semellaban non terminar nunca como as imposibles arquitecturas de Escher. Cando cheguei ao derradeiro piso chamei desesperadamente a unha porta, e sentín como me espreitaban dende o outro lado por un buraquiño ¡abran por favor! ¡por favor! ¡unha vaca tola está a perseguirme! ...aquí tivo lugar un feito curioso, unha especie de choque entre os dous mundos, o real e o soñado, porque na faciana da parella de vellos que asomaban por unha fenda da porta podía ver os acenos de incredulidade. Debían estar a pensar "esta rapaza toleou, mellor non abrimos, imos chamar á Policía....". Eu seguín berrando e empurrando a porta e mirando cara atrás aterrorizada perante chegada da vaca pero tamén confiando en que os vellos a viran e me dira tempo de pasar para dentro. Sei que logo entrei pero non sei como rematou o soño...xa vos dixen que non lembro o final. Ao mellor a vaca tamén pasou e só andaba na procura dunha amiga para tomar un café, iso si, sen leite, (que a vaca é un mamífero moi consciente, non coma nós) e se cadra tirou coa porta e acadou por fin o que quería...
Aproveito para reflexionar sobre esto.
 
postado por Ana Bande ás 18:25 | Permalink |


1 Comentarios