quarta-feira, 15 de agosto de 2007
Unha aparición
Hoxe non tiven un soño. Tiven unha revelación. Debeu de ser porque durmín no sitio máis cutre que podes botar á cara, con medo a espertar e que algún rato me tivese roído a deda gorda do pé.
Hoxe aparecéuseme en soños a muller de Touriño. Do presidente, non confundir coa velocidade.
Pois andaba eu pola piscina nun certame de contacontos, cun contiño que prosaba sobre o koruño, cando vía que a muller de Tou, cun biquini vermello, estaba entre o meu público.
Cando remataba a función, como se fosemos amigas de toda a vidiña, iamos dar un paseo, e cóntabame o anjustiada que se sente. "Non te podes dar unha idea, perseguida pola prensa. Non podes facer nada sen que estean detrás túa. Que estrés", dicía. Será que está agobiada e se aparece en soños para contarllo a xente? Ten superpoderes a primeira dama? Será publicidade subliminal, por iso levaba un biquini vermello? Serei eu unha medium?


Canto misterio sen resolver. Pero se vedes a Esther Cid, non a presionedes tanto, oh.

Etiquetas:

 
postado por Elianinha ás 21:18 | Permalink | 4 visións
sexta-feira, 3 de agosto de 2007
De volta a casa
Volvo á casa, está sendo noitiña, vou a pé. Á beira da estrada hai un xardín municipal, destes que pon en grande o nome do meu concello con flores de cores. Os xardiñeiros afánanse en que estea ben lexible, podan, transplantan, regan... eses choios típicos dos xardiñeiros. Do outro lado da estrada hai un alto, como un cantil pero en terra, do rebaixe da estrada. De súpeto, comezan a aparacer por aló enriba uns homes vestidos de negro, con armas rollo bazoca, e dispáranlle aos xardiñeiros.
Eu apártome do sitio e miro o conflito. Os xardiñeiros pola súa parte, a un berro de "xa están aquí estes fillos de puta" ao máis puro estilo que-vienen-los-charlis, pegan nas súas desbrozadoras, que se converten en armas potentísimas e devólvenlle os tiros aos do exército negro.
Como boamente podo, sigo no meu camiño e vou ata a miña vila, onde curiosamente hai unha rúa de pubs, en detrimento do negocio da tarta de queixo. Alí, na porta, unha antiga compañeira de traballo infórmame de que son os árabes que nos están a invadir. Entro, tomo algo, e penso que ao mellor debería refuxiarme nun lugar seguro.
Saio do local, e entro no do lado, unha tenda rollo hippie (tamén de nova creación). A dependenta dime que se finxo estar traballando non me pasará nada, que non se meterán comigo. Eu confío nela, ata que vexo que os demais que están na tenda están baixando por unhas esqueiras que dan ao pub anterior. A tía insiste en que me quede, pero para despistala collo e pídolle que me venda un cinto (que por suposto merco e póñoo, morrer pero con elejancia), e vou meténdome cara ás escaleiras. Mentres fóra, aumenta a tensión, óense disparos e máis disparos, e a xente corre dun lado a outro.
A xente que foi polas escaleiras entrou no pub, pero eu métome debaixo delas. Como son abertas e se me ve, tápome cun cristal transparente. Ábrese a porta da tenda e entran os árabes. A dependenta dille que está traballando normalmente, pero non debe de ser moi convincente, escóitase unha ráfaga de disparos. Matárona. De repente, un dos árabes comeza a descender pola escaleira na que eu me escondo, e grazas ao cristal transparente non me ve. Pega catro tiros por aí, e vaise.
Respiro aliviada. Soa unha musiquiña. O espertador. Son as 8,30 da mañá. Pero como vou ir eu traballar co cansa que estou?
 
postado por Elianinha ás 17:57 | Permalink | 2 visións