quarta-feira, 11 de abril de 2007
Sonho de Ana B. Bande
Em um post anterior umha blogueira deixou-nos este sonho oculto num comentário. Consideramos que é de justiça leva-lo à nossa primeira página e aproveitar pra recordar-vos que se queredes podedes enviar-nos vossos sonhos ao seguinte endereço de correio electrónico:

contasonhos@gmail.com


Aquí vai o sonho de Ana B. Bande:


Devecía por viaxar a Exipto e a oportunidade chegou aínda que fose nun soño. Alí estaba eu no medio e medio do amarelo, do verde e do azul. Os ollos xa os tiña do color da arenisca e tódolos días e todas horas sentía o meu corazón tremendo coa mesma emoción que xa sentía cando puxen o pé no asfalto do aeroporto. Tiña moito que facer aquí e eran poucos os días, pero de todas as maravillas a máis importante para min, aínda sen saber o motivo, era baixar o Nilo nunha faluca coa súa enorme vela. O soño ata aquí parece unha experiencia pracenteira pero aínda que non o creades tratouse dun verdadeiro pesadelo porque malia os meus esforzos os días pasaban e non atopaba xeito de facer realidade o meu desexo. Cada mañá saía máis cedo do hotel co firme propósito de chegar a tempo de pillar unha praza pero en canto me achegaba ao embarcadoiro enormes ringleiras de turistas facíanme desistir e aproveitar o día noutra actividade. E así un día e outro, e cada hora que pasaba a miña anguria crecía e xa non había momia, papiro, pirámide ou paisaxe que me quitase da cabeza o paseo en faluca. Chegou o último día e tiña que tomar unha determinación se quería ver cumplido o meu desexo. E entón decidín camiñar ata o embarcadoiro máis próximo e durmir alí mesmo. Quedei durmida sentada nunha escaleira que se perdía na auga do Nilo e pouco a pouco o balbordo e os empurróns da xente fixéronme acordar de súpeto. Xa non vía a auga entre os milleiros de cabezas que corrían cara a faluca e entón decidín abrirme paso empurrando eu tamén ata que albisquei o que eu naquel intre pensaba que era a punta do velame da faluca. Cada centímetro que avanzaba aquel velame trocábase nunha forma misteriosa ata que cheguei ao derradeiro chanzo. As xentes entolecidas tirábanse á auga para chegar ata EL. A faluca non era tal. Era un enorme sarcófago flotante cun falo duns cincuenta metros de altura que atraía poderosamente a tódolos turistas que devecían por chegar a él como se lles fora a vida no asunto. Malia os empurróns e os berros quedei rezagada ollando o espectáculo e tratando de asimilar o significado da escea. En canto vin a foto do amigo Arume materializouse o meu soño. O único que había que mudar eran as dimensións do velame da faluca.
 
postado por Anónimo ás 22:21 | Permalink |


2 Comentarios


  • falou o 12 de abril de 2007 às 11:54, Blogger Ana Bande

    Grazas polo voso interés no meu particular mundo onírico. Aínda tiña este texto no forno en forma de borrador, agora vouno ter que publicar...pero non son Balde (ainda que non cobro nada por entrar no meu espazo) senón Bande que é moito máis bonito ¿non si?. Apertas.

     
  • falou o 12 de abril de 2007 às 15:17, Anonymous Anónimo

    ais, perdom... ontem na noite estava um pouco canso de viajar e confundim-me no nome... já está solucionado :)

    bem-vinda à casa dos sonhadores, se tens interesse em participar envia-me ao gmail o teu endereço de blogger e envio-che um convite pra formar parte do staff e postar livremente quando desejes...

    um abraço!