quarta-feira, 25 de abril de 2007
Carrachas


Este é un pesadelo que tivo unha persoa que coñezo e que non ten blogue, como isto é para contar soños, aproveito e cólgollo aquí, brevemente, como mo contaron:

"Soñaba que tiña o corpo cuberto de carrachas, todo o corpo e que se aferraban a min e non se despegaban. Eu íaas queimando co cigarro, unha a unha, coidando de non queimarme, entón morrían e desprendíanse. Era unha sensación horrible e aínda o foi máis cando me decatei de que por cada unha das que queimaba co pitillo me saía outra noutro lado do corpo.

E seguía así, queimándoas e parecíame que ía moi lento, que non daba feito. E vía como tiña todo o corpo cuberto delas, as plantas dos pes, as pernas, todo o peito. Notaba como afogaba. E sentíame triste e deime conta de que toda a vida ía seguir así, de que ninguén me ía querer nunca máis, que ía seguir sendo unha merda de persoa, que a miña vida era un asco, que nunca chegaría a nada.

E seguía coas carrachas pegadas en min e cada vez máis e máis a chucharme o sangue. Non respiraba. E espertei."
 
postado por besbe ás 23:35 | Permalink | 0 visións
O soño da vaca madrileña que se namorou de min.
Non lembro o comezo nin o final do soño e é que ao mellon non o ten. Só lembro o feito de atoparme en Madrid e ser perseguida por unha vaca. E sí, foi un pesadelo porque a vaca seguíame cada vez máis de preto e vai tí saber o que querería, eu só sei que daba a volta e aí estaba a vaca a relamberse e a babexar ollándome cuns enormes ollos de vaca. Primeiro non me asustei moito porque me figurei que sería doado deixar atrás a unha besta tan voluminosa. Subín nun valado alto, longo e estreito pensando que á vaca lle sería imposible coas súas dimensións e coas súas catro patas camiñar por ese lugar, pero non, aí comezaba a tortura, a vaca atrás de mín e eu abraiada perante a súa pericia mantendo o equilibrio da súa enormidade. Sen dúbida era unha vaca con formación circense. Deixei de volverme cara atrás e dei en apurar o paso o máis que podía, aínda que o medo e a miña torpeza facíanme tremer de terror perante a posibilidade de precipitarme nese baleiro que se abrí aos dous lados da sebe. A sensación de mareo e vertixe ía in crescendo ao ritmo da ledicia da miña perseguidora que aí se mantiña segura do seu trunfo final, cos seus ollos grandes e alegres e a súa lingua camaleónicae fumegante, ameazando cunha brutal lamida. O muro rematou por fin e tiven que buscar outra solución. Procuraba non mirar atrás e metínme polas ruelas máis escuras e estreitas que ía atopando no camiño. É curioso porque malia non coñecer de Madrid máis que a Castellana e o Paseo do Retiro, no meu soño as rúas formaban parte do meu mundo e ata semellaban ser o barrio da miña infancia. A práctica do despiste urbano por estas rúas non deu resultado e a vaca cada vez máis gorda seguía babexando a escasos metros de min. Por fin cheguei á zona vella da cidade, esas rúas sí que eran estreitas, alí non podería pasar, corrín ata chegar ata á rúa e camiño tan estreita que non inverno non te permitía abrir o paraugas e mesmo había que poñerse de perfil se te atopabas con alguén de frente. Na metade da rúa collín folgos para mirar atrás e nun intre a vaca asomou pola rúa e meteuse pola calella sen dificultade. Outra vez a correr para aproveitar un pouco a vantaxe. Tiña que darme tempo a meterme nun portal desas casas tan vellas antes de que a vaca saíse do calexón. Metínme no portal e subín unhas destartaladas escaleiras que amezaban virse abaixo cada vez que puña o pe. A barandilla movíase cada vez que me agarraba para avanzar máis rápido. No primeiro descanso asomei e non vin nada, diminuín o paso e seguín ata o segundo, alí volvín asomar e alí estaba a vaca, subindo as escaleiras toda decidida, agora sí que tremía toda a estructura apodrecida da madeira. Ameazaba con derrubarse todo o edificio pero eu tiña que seguir fuxindo. Aínda sen querer mirar vía á vaca avanzar por aquela precaria e envolvente estructura. As escaleiras semellaban non terminar nunca como as imposibles arquitecturas de Escher. Cando cheguei ao derradeiro piso chamei desesperadamente a unha porta, e sentín como me espreitaban dende o outro lado por un buraquiño ¡abran por favor! ¡por favor! ¡unha vaca tola está a perseguirme! ...aquí tivo lugar un feito curioso, unha especie de choque entre os dous mundos, o real e o soñado, porque na faciana da parella de vellos que asomaban por unha fenda da porta podía ver os acenos de incredulidade. Debían estar a pensar "esta rapaza toleou, mellor non abrimos, imos chamar á Policía....". Eu seguín berrando e empurrando a porta e mirando cara atrás aterrorizada perante chegada da vaca pero tamén confiando en que os vellos a viran e me dira tempo de pasar para dentro. Sei que logo entrei pero non sei como rematou o soño...xa vos dixen que non lembro o final. Ao mellor a vaca tamén pasou e só andaba na procura dunha amiga para tomar un café, iso si, sen leite, (que a vaca é un mamífero moi consciente, non coma nós) e se cadra tirou coa porta e acadou por fin o que quería...
Aproveito para reflexionar sobre esto.
 
postado por Ana Bande ás 18:25 | Permalink | 1 visións
domingo, 22 de abril de 2007
Soños dende tevabuena


Raiaba o sol no ceo limpo de Nutrix, mentres a turba traballaba tranquilamente nos seus quefaceres diarios. O Todopoderoso-Ironman, velando pola súa seguridade, atopábase no seu atril máxico vixiando cada movemento estraño, atento a cada revolución susceptíbel de ser abortada...

De súpeto, os radares disparáronse: unha maré de robots achegábase perigosamente aos dominios virtuais de Nutrix. Non había tempo. Había que reaccionar. Estaba en perigo a supervivencia da Raza. Reunido o Conclave, decidiuse ordenar o ataque antes de que causaran posíbeis danos irreparábeis. Dispuxéronse todos os medios (sobre)humanos e/ou animais para levalo a cabo. O Todopoderoso-Ironman, a cabalo do Can-Voador-Pavlov e tridente en man iniciou o bombardeo coas armas de última tecnoloxía experimental (Interruptora-Summa-Bellica-Nutricis), descoñecidas aínda polo exército androide a que se enfrontaban. O ceo e o chan de Nutrix fóronse tinguindo de anaquiños de titanio fundido pola bravura experimentada na batalla. Un tras outro, os androides foron caendo. Carentes de cabeleira, o trunfo publicitouse coa vexación do Gran-Xefe-Androide, que mentres era arrastrado pola Terra-Ancha de Nutrix, atado ao rabo do Can-Voador-Pavlov, ía berrando nun acento familiar:

- Odeio-te!!, odeio-te!!

Deste xeito foi como a pericia e a ferocidade do Todopoderoso-Ironman liberou Nutrix do invasor, devolvéndolle a tranquilidade arrebatada.

Carraboujo, benvido :)
 
postado por besbe ás 23:48 | Permalink | 0 visións
segunda-feira, 16 de abril de 2007
soño con soñar...
soño con soñar...

quixera soñar. intúo que o fago. pero non me lembro. por iso estou aquí. estar aquí é cumplir o meu soño.

lembro un soño recurrente de pequena.

un soño que realmente non é meu, ou que si o foi, ou que foi a consecuencia dunha infancia marcada polos contos ou pola relixión... quen sabe?

non era un pesadelo. o soño non era pracenteiro pois era claustrofóbico. mais gárdoo con agarimo. quixera estar dentro outra vez.

vivía no interior dunha balea. nunha barca flotando no mar interior do seu estómago. facía lume, e o fume saía polo buraquiño polo que respiran.

estou segura de que foi consecuencia de pinocho. mais agora, lendo a auster, descubro que tamén puido ser consecuencia de jonás. é posible que todo esté relacionado.

e agora quero voltar a ese soño e falar con jonás, e con gepetto, e máis con pinocho. sobre todo coa balea e descubrir por que soñaba con estar no seu interior... quizáis fose un desexo en si mesmo, tal vez, como o pianista de novecento, teño vertixe dun mundo ilimitado e quixera estar nun lugar pechado pero coñecido.

tal vez... a pesares de crer que ese é o mal do ser humano. vivir nunha endogamia perigosa e ignorante, pero cómoda, fácil de abarcar.

(escollo unha imaxe de magritte, aínda que é posible que os soños sexan en branco e negro, por iso a imaxe soñada cando se pincha sobre ela cómelle as cores. e deixo outra imaxe de magritte, que como nos soños, non é o que é. porque isto non é un(ha) soño (pipa)).



aquí comezan os meus soños. iso espero...
 
postado por Unknown ás 15:01 | Permalink | 3 visións
sexta-feira, 13 de abril de 2007
contasonhos na boca da noite

Esta noite o grande Quico Cadaval falou desde a sua atalaia radiofónica deste nosso humilde blog. Foi comentando de jeito engraçado o sonho de Rifo e Anthony Quinn. Pra nós é umha grande honra contar com este homem entre os nossos leitores e já sabe que tem esta casa aberta tanto pra enviar-nos os seus sonhos, a seguro que homéricos, como pra colheitar aqueles que sejam do seu gosto pra ser lidos e comentados no seu programa A boca da noite, que se emite contra a meia noite e de segunda a quinta feira na Rádio Galega. Pra os que nom o pudestes escuitar temos aquí o bocado no que falou dos contasonhos.




E já aproveitando damos a bem-vinda a Lúa (a tola do monte) que se vem de incorporar a esta fábrica de sonhos. Aguardamos com ansiedade que comece a sua andaina como sonhadora nesta vossa cama. A tod@s.... muito obrigados por fazer cada dia mais grande este recanto onírico do nosso país!
 
postado por Anónimo ás 01:38 | Permalink | 2 visións
quarta-feira, 11 de abril de 2007
Sonho de Ana B. Bande
Em um post anterior umha blogueira deixou-nos este sonho oculto num comentário. Consideramos que é de justiça leva-lo à nossa primeira página e aproveitar pra recordar-vos que se queredes podedes enviar-nos vossos sonhos ao seguinte endereço de correio electrónico:

contasonhos@gmail.com


Aquí vai o sonho de Ana B. Bande:


Devecía por viaxar a Exipto e a oportunidade chegou aínda que fose nun soño. Alí estaba eu no medio e medio do amarelo, do verde e do azul. Os ollos xa os tiña do color da arenisca e tódolos días e todas horas sentía o meu corazón tremendo coa mesma emoción que xa sentía cando puxen o pé no asfalto do aeroporto. Tiña moito que facer aquí e eran poucos os días, pero de todas as maravillas a máis importante para min, aínda sen saber o motivo, era baixar o Nilo nunha faluca coa súa enorme vela. O soño ata aquí parece unha experiencia pracenteira pero aínda que non o creades tratouse dun verdadeiro pesadelo porque malia os meus esforzos os días pasaban e non atopaba xeito de facer realidade o meu desexo. Cada mañá saía máis cedo do hotel co firme propósito de chegar a tempo de pillar unha praza pero en canto me achegaba ao embarcadoiro enormes ringleiras de turistas facíanme desistir e aproveitar o día noutra actividade. E así un día e outro, e cada hora que pasaba a miña anguria crecía e xa non había momia, papiro, pirámide ou paisaxe que me quitase da cabeza o paseo en faluca. Chegou o último día e tiña que tomar unha determinación se quería ver cumplido o meu desexo. E entón decidín camiñar ata o embarcadoiro máis próximo e durmir alí mesmo. Quedei durmida sentada nunha escaleira que se perdía na auga do Nilo e pouco a pouco o balbordo e os empurróns da xente fixéronme acordar de súpeto. Xa non vía a auga entre os milleiros de cabezas que corrían cara a faluca e entón decidín abrirme paso empurrando eu tamén ata que albisquei o que eu naquel intre pensaba que era a punta do velame da faluca. Cada centímetro que avanzaba aquel velame trocábase nunha forma misteriosa ata que cheguei ao derradeiro chanzo. As xentes entolecidas tirábanse á auga para chegar ata EL. A faluca non era tal. Era un enorme sarcófago flotante cun falo duns cincuenta metros de altura que atraía poderosamente a tódolos turistas que devecían por chegar a él como se lles fora a vida no asunto. Malia os empurróns e os berros quedei rezagada ollando o espectáculo e tratando de asimilar o significado da escea. En canto vin a foto do amigo Arume materializouse o meu soño. O único que había que mudar eran as dimensións do velame da faluca.
 
postado por Anónimo ás 22:21 | Permalink | 2 visións
domingo, 8 de abril de 2007
Aquí vos deixo o meu soño.
A tarde do sábado como non tiña ganas de facer nada, adiqueina a tumbarme no sofá e ver algunha película na tele, pensando que se cadra os programadores de televisión, xa deran en rematar coas pelis típicas da semana santa, pois nada estaban poñendo "Barrabás", con Anthony Quinn.
Non quixen cambiar de canle, millor dito non cambiei por non me mover a buscar o mando, que por certo nunca aparece cando xa te acomodaches, ou polo menos eso me pasa a min sempre
E mirando ó Barrabás funme quedando durmida, e as imaxes da pantalla fóronse fundindo coas dun soño cecais irrevente polo da cousa bíblica da peli.
Era ó solpor e atopábame tumbada nun lameiro, vestida cunha túnica desa cor ocre, que máis parece sucia. Ó meu arredor había máis xente, toda vestida coma min, Pensei que era a película que estaba a ver, pero non, realmente estaba durmida no lameiro, e nese soño imaxinaba unha sorte de asento que semellaba moi cómodo e unha parede na que se ían sucedendo imaxes. Espertaronme as voces da xente do meu arredor verrando, -deixádeo, non o matedes! Xa me din conta que o home que traían os soldados era o meu mozo, eu ficara alí a esperalo, e non sabía moi ben que acontecera para que agora o trouxeran preso. Funme acercando, era difícil, había moita xente, non me deixaban pasar, pero poiden escoitar o que dicían os soldados, - aquí quedas e non volvas por alí, pois a próxima morrerás de certo.
A xente foise apartando, e por fin puden acercarme ó meu amado, o meu querido Anthoni.
- Meu ben que foi o que fixeches? vaia susto me deches xa pensei que te ían matar.
-Ai, miña nena, íbache coller aquela flor que tanto che gusta.
-O que me gusta a min xa o sabes ti, non fai falla que arrisques a túa vida con tolemias de flores.
Entón empezou a bicarme e a acariñarme, as mans de Antony eran grandes e fortes coma todo nél... e deixeime levar respondendo as súas caricias que eran cada vez máis intensas e máis íntimas... Entón tocaron o timbre insistentemente, e o despertar alí estaba o Anthony na pantalla crucificado, e as letras THE END.
 
postado por Son Unha Xoaniña ás 10:21 | Permalink | 7 visións
sexta-feira, 6 de abril de 2007
Iniciación

Iamos de campamento a un lugar que semellaba sacado da obra de Shakespeare "Soño dunha noite de verán". Nalgún recuncho dese bosque estabamos a dar aulas, non sabía ben de que, porque non cheguei a asistir a ningunha delas. Era coma se estivesemos no instituto, latabamos as clases (anque eu non lembro ter feito tal máis que unha ou dúas veces) pero agora, vendo a algunha xente que asistía as aulas parecíame a mellor opción: estaban algunhas compañeiras de carreira coas que tamén fora ao instituto e que conformaban o grupo de "chaponas" coas que non quería ter moito que ver.

Logo das aulas xuntáronnos a todos os alumnos nun círculo no medio do bosque onde aínda se vían os toros das árbores cortadas. A mestra que nos daba clases, unha muller algo maior de pelo moreno longo e con mechóns de canas polo medio, distribuiunos en grupos para facer unha actividade que os que non foramos a clase non sabiamos en que consistía. A min tocoume ir co meu mozo e retiráronnos ao cuarto do pabellón onde durmiamos. Alí díxonos que agardaramos que nos había traer a máis xente para conformar o grupo que se estaban distribuíndo todos moi mal. Ao pouco tempo apareceu un rapaz de 30 e algo anos, con barba e pelo loiro, e levounos de novo ao lugar onde estaban os demais facendo o traballo que nos encomendanban: unha especie de representación dun fragmento dunha obra onde cada grupo a representaría ao seu xeito co aprendido durantes as clases.

Púxenme toda nerviosa porque estaba vendo que a xente que se estaba unindo ao noso grupo viña sendo a mesma que faltara as clases, co cal non tiñamos idea do que debiamos facer e, cando voltamos de novo ao cuarto, decidimos que interpretariamos o texto como mellor nos parecese e que non nos iamos comer a cabeza, que malo sería que non nos saíse ben improvisando no momento. En vez de ensaiar puxémonos a falar mentres agardabamos polo rapaz de barba loira. E o rapaz chegou e, encima da mesa que había no cuarto, púxose a facer raias cunha sustancia alucinóxena que semellaba pó de cristal. Eran tres para cada un. Non entendía moi ben de que ía aquelo pero parecía que o tema da interpretación pasaba a un segundo plano e o que viñamos a facer alí era a iniciarnos nalgo grande. Esnifei as miñas tres raias e outro pouco máis dun recipiente que había alí ao lado, como fixeran todos, agardando que aquela sustancia fixese efecto en min pero eu non notaba nada. Quería notarme no ceo, en paz, feliz, levitando, lúcida, cos sentidos agudizados e non percibía cambio ningún.

Foi entón que o rapaz loiro nos levou a unha especie de congreso ou convención e nos deixou na entrada onde andaban repartindo camisolas do evento. Eu saín do recinto e fun cara un bloque de apartamentos do lado onde estaban moitas do grupo das "chaponas" arreglándose e dándose presa para saír cara o congreso con medo a chegar tarde. Metinme no baño do cuarto ao tempo que elas marchaban e mireime ao espello. Seguía igual, non estaba drogada, so me sentía ben e algo triste, igual ca sempre e eu agardaba sentirme no séptimo ceo e non era así. Notaba no nariz cristaliños daquela sustancia e inspirei forte a ver se era a dose que me facía falla para rematar colocada. De súpeto abriuse a porta do baño e era o rapaz de barba loira, estaba alterado: andaba buscándome a ver onde me metera, alporizouse pensando que estaba esnifando pola miña conta máis daquela droga e díxome que o estaba a decepcionar por iso, que a min non me facía falla e marchou...

Fun atrás del porque xa se convertera para min no meu guía, non quería que pensase que me estaba drogando, non quería decepcionalo porque sabía que agardaba boas cousas de min e que a miña presencia alí era importante, quería atopalo porque sentía xa un vínculo que nos unía aos dous. Ao saír á rúa vin a moita xente paseando en grupos, por parellas, todos relaxados e tranquilos. Pero o rapaz non aparecía, non sabía onde estaba nin a onde fora, pero dábame a impresión de que xa desaparecera da miña vida nun momento no que lle era necesaria e no que a min me facía falla.

Nese momento espertei cun sentemento de gratitude cara ese rapaz loiro que me tiña en estima.
 
postado por besbe ás 21:26 | Permalink | 3 visións
Somos máis


E neste leito que agradablemente compartimos temos outra soñadora máis: Rifo I de Zeuquirne. Xa con este nome tan evocador non queda máis que agardar da súa man, soños que nos embelesen os sentidos e viaxes do seu subconsciente a mar de interesantes. Dámoslle a benvida a Rifo I de Zeuquirne e agardamos pronto as súas colaboracións.


Por outra banda...os homes non soñan? Porque quitando a Gustavo Harvey non vexo eu homes ensoñados neste noso blogomillo. Fáganme o favor e vaian pasando por esta cama que é de todos e cóntennos as súas viaxes oníricas para disfrute da parroquia. Soñámonos!
 
postado por besbe ás 14:04 | Permalink | 2 visións
quinta-feira, 5 de abril de 2007
Soño Takeshi-Kitano nº1

Un día destes, de ceo azul, cunhas cantas nubes brancas ciscadas, un día normal por diante para aproveitar e non facer nada. Estou sentada na miña fiestra, como fago habitualmente, miro como axexan as veciñas. Que paz. Non me apetece seguir estudando, estou cansa e preciso duns minutos deste día primaveral para pensar en nada.

Xenial, aparecen máis nubes. "Unha tormenta, seguro", penso. As nubes comezan a moverse moi rápido -tendo en conta a súa velocidade media- e xiran como se unha batidora estivese a remexelas por detrás. Unha en concreto transfórmase na cara de Lincoln, é perfectamente recoñecible. E mentras os cúmulos seguen a virar no ceo a emisión radiofónica interrúmpese para anunciar que o ex-presidente norteamericano padecía unha grave e estraña enfermidade descoñecida. Pouco despois, anuncian da tolemia de Abraham Lincoln, quen fala nun idioma inaudito e que está a tratar de asasinar xente.

Sorprendida pola coincidencia, vexo que as caras seguen a aparecer nas nubes, vexo moitos rostros populares, sobre todo políticos, pero vexo tamén xente común, veciños, amigos... Nun novo avance informativo anuncian que unha estraña pandemia está a afectar aos cidadáns do mundo, mentres que no ceo están a manifestarse unha serie de nubes cun comportamento inexplicable para meteorólogos e científicos en xeral.

Nunha demostración da miña rápida capacidade dedutiva, caio na conta de que cando unha nube adopta a cara dunha persoa, dito individuo transfórmase nun esbirro dos extraterrestres que acomete a súa terrible fin: a dominación do mundo. Afortunadamente, ningunha das nubes representa a miña cara, así que me vexo na obriga de salvar a humanidade nunha ocasión máis.

Loxicamente, cunha técnica tan depurada, só hai unha explicación que permita entender o funcionamento das nubes alieníxenas. O vapor de auga oculta unhas grandes máquinas de retratar Polaroid que se encargan de tomar a imaxe dos seres humanos, e ao mesmo tempo introducirlle unha radiación no corpo que permite a súa posterior dominación e manipulación para fins tan malvadas. De feito, a pouco que un se esforce pode atisbar parte das máquinas de fotografar trala nube.

Ao máis puro estilo MacGiver, descubro a miña propia solución: a vía para salvar a humanidade está en cegar as cámaras de fotos alieníxenas co meu propio flash da miña cámara de fotos.

Enfúndome nunha jabardina beige, tipo Superman, e póñome a correr como unha tola, sacando fotos ás nubes. Co disparo do flash, as nubes van desaparecendo e as Polaroids esvaécense. Coa desaparición da nube, a persoa retratada na auga volve á normalidade, abandoando o lado escuro ao que fora sometido polos OVNI-Polaroids. Ao mesmo tempo, teño que rodar polo chan para evadir os disparos que dende o ceo veñen tratando de retratar.

Loxicamente, espertei antes de saber se salvara a humanidade, pero pola extinción á que se ven sometidas as cámaras Polaroid dáme que tivo bastante éxito a miña cacería.
 
postado por Elianinha ás 00:33 | Permalink | 4 visións