terça-feira, 12 de junho de 2007
Os meus amores

A falta de emoción na vida real, o mundo onírico é un marabilloso escenario para suplir carencias.
Hoxe soñeino outra vez, era infiel. Non soño particularmente que me lío con alguén, senón coa infidelidade en si. Co remordemento, ou a ausencia de remordemento, a intención malvada, o hedonismo. Si, un hedonismo reprimido na realidade que nos soños ceibo alegremente.
Hoxe, non recordo exactamente como chegaba a pasar, só vexo que estou bicando a un dos meus mellores amigos. Pasa, de xeito natural, estamos falando e de repente, comezamos a bicarnos. Hai paixón, pero non tanta como nunha aventura, senón que é un bico cómodo, sen as présas do prohibido, aínda que os dous sabemos que as convencións sociais non o entenden. Non nos sentimos mal por iso. Non o falamos. Só disfrutamos do pracer do bico.
Soñei algo parecido cun dos meus mellores amigos polo que anos atrás me sentira atraída. Sería a frustración dos beizos que non probei.
O outro día foi cun actor famoso. Non porque fose actor, coñézoo de vista, e na vida real non intercambiamos máis ca un par de palabras. Si, son tan enxebre, que ata para liarme cun famoso en soños pillo un de Ourense. Estamos sentados xuntos, falamos, acórdase de min. Comeza a soprarme na orella, e rematamos cunha aventura, pero destas que si son todo paixón, sexo, e vicio. E segreda. El é pai de familia, ninguén pode saber nada: a súa imaxe, a súa reputación. Así que aproveitamos cada curruncho para un bico, unhas caricias, un polvo... o que xurda.
 
postado por Elianinha ás 11:52 | Permalink |


1 Comentarios